As lecturas do Sr B: De tripas y corazón

Aquí en español.

Abstenerse hipocondríacos.

Este libro recibiu o premio especial do xurado no pasado festival de Angoulême, con todo merecemento. Pozla, o seu autor, descubre con 29 anos e tras unha hospitalización de urxencia que o «alien» (así o define el mesmo) co que leva anos convivindo é a enfermidade de Crohn, un mal crónico e grave do aparato dixestivo que cambia totalmente a súa vida e a da súa acabada de crear familia. Pozla cóntanos o camiño que vai percorrendo dende aquela primeira hospitalización de urxencia. As visitas a galenos, os distintos diagnósticos polos que pasa ata que descobren o que realmente padece, e por riba de todo, como é vivir cunha enfermidade que lle fai padecer grandes dores e períodos de hospitalización longos nos que usa o debuxo como terapia para mante-la esperanza de vencer nunha loita contra o seu propio corpo.

O libro ten un axeitado equilibrio traxicómico. Un humor certa e necesariamente escatolóxico que se vai alternando con períodos de pesadelo e dor que dan en debuxos case que psicotrópicos. É moi interesante ver como o autor reflicte algo tan común, tan humano e tan distinto en cadaquén como é a dor, a física e a psicolóxica, a desesperación e o esgotamento físico polo que navega de xeito irremediábel cara o mental. Pozla afronta neste libro un espido emocional. Ataca a vergoña e o pudor con descaro e fai do retrete, ás sondas e ás tripas, un personaxe máis do libro.

O volume está editado en España por dibbuks, cun infrecuente formato cadrado. Alterna nas súas 350 páxinas o branco e negro coa cor, o debuxo máis narrativo  e as abstraccións. A razón da esperanza e a tolería da dor están en cada páxina, en cada reflexión, momentos de fraqueza e de afouteza, mais tamén a historia do amor da súa familia do importante apoio da súa dona e a súa filla.

Unha obra conmovedora e chea de esperanza, na que o autor presenta a súa vida máis íntima de xeito valente e descarnado; unha historia que nos fará conscientes do delicado equilibrio no que vivimos e do doado que é rachar con el.

Como reflexión final, aínda que de xeito tanxencial, De tripas y corazón debe servir para nos lembrar da marabillosa idea que tivemos en Europa de facer da sanidade un ben público e, asemade, do erro colectivo no que estamos inmersos por culpa dos liberais e a súa errada idea de liberdade, sempre aparellada á beira máis perversa do capital.

 

Esta recensión foi publicada en novembro de 2017 na revista Tempos.