Convocado o XIII Premio de banda deseñada “Castelao”

A Deputación de Coruña convoca o seu premio anual de Banda deseñada.

Facemos unha escolma das bases:

Poderán participar todas as persoas, maiores de idade, de calquera nacionalidade, que non fosen premiados neste certame nos catro anos anteriores a éste, e que presenten obra escrita en lingua galega, inédita e non premiada.

As obras presentadas poderán ser escritas e debuxadas, cada unha delas, por un máximo de dúas persoas autoras (unha como guionista e outra como debuxante).

Establécense dous premios, dotados con 6.500 € cada un deles, para cada unha das seguintes categorías:

  • MODALIDADE XERAL. Obras dirixidas a todo tipo de lectores.
  • MODALIDADE LIX. Obras dirixidas especificamente ao público lector infantil e xuvenil.

As obras unicamente poderán presentarse a unha das dúas categorías.

A Deputación publicará a/s obra/s premiada/s, reservándose durante un prazo de dezaoito meses, que se contarán dende a data da concesión do premio, os dereitos de editala/s. Ademais entregará á/s persoa/s gañadora/s trinta exemplares.

A autora, autor ou autores manterán os dereitos para a posible edición da obra en calquera outra lingua distinta á galega. Esta edición non poderá ser realizada, en ningún caso, con anterioridade á edición en lingua galega.

  • A temática das obras será libre, e poderá tratarse dunha historia única ou dun conxunto de historias.
  • O traballo será presentado por duplicado e en exemplares separados, numerados, grampados ou encadernados, da seguinte forma:
  • O libro terá que estar rematado, tanto en guión como en debuxo.
  • O formato deberá ser de mancha 26 x 19 cm, ou proporcional.
  • O tamaño dos orixinais: mínimo DIN A4 e máximo DIN A3.
  • A extensión mínima será de 48 páxinas.
  • Para a súa valoración enviaranse copias encadernadas en DIN A4 con calidade láser.

Cada obra será presentada baixo o sistema de plica, polo que se enviará un sobre á parte en cuxo exterior conste: XIII Premio “Castelao” de Banda Deseñada, a categoría na que se presenta, o título da obra ou o seu lema, así como o pseudónimo da persoa que sexa a autora da obra; no seu interior será incluída unha copia do documento de identidade, o enderezo, un teléfono de contacto, un correo electrónico, un breve currículo e unha declaración de que a obra é inédita e que non foi premiada, até a data de presentación, en ningún outro certame ou premio.

O prazo de presentación de orixinais comezará o día seguinte ao da publicación desta convocatoria no Boletín Oficial da Provincia e rematará o día 15 de xuño de 2018.

Os orixinais serán enviados á Deputación da Coruña, Avda. Porto da Coruña 2, 15006 A Coruña, indicando no sobre “XIII Premio “Castelao” de Banda Deseñada”.

A composición do xurado darase a coñecer, con anterioridade á súa reunión, no taboleiro e na páxina web da Deputación, co fin de que se poidan interpor, se é o caso, os recursos legais pertinentes.

O xurado actuará en pleno, en sesión a ser posible única, e será necesaria a asistencia da maioría simple dos seus membros. Para os efectos da validez da súa constitución aplicarase o disposto no art. 17 da Lei 40/2015, do 1 de outubro, de réxime xurídico do sector público.

A decisión do xurado, que terá lugar no segundo semestre de 2018, será dada a coñecer por medio do taboleiro de anuncios e da páxina web da Deputación.

Aquí as bases completas.