As lecturas do SrB: Carvalho. Tatuaje

Aquí en español.

“Nacín para revolucionar o inferno.”

Tatuaje foi a segunda novela de Pepe Carvalho, foi publicada en 1972. Agora despois de múltiples versións para televisión e cinema chega á banda deseñada nunha adaptación de Hernán Migoya e Bartolomé Seguí (Premio Nacional de cómic no 2009).

O detective é contratado para investigar a identidade dun home que aparece aboiando na praia co rostro comesto polos peixes. O único fío do que tirar é unha tatuaxe, Nacín para revolucionar o inferno. A busca levará a Carvalho polas rúas de Barcelona e Amsterdam.

Carvalho, un tipo duro afeito a manexarse no lumpen Barcelonés, entre prostitutas e quinquis, é tamén un Gourmet con grande habilidade para a cociña e un home culto cunha gran biblioteca da que bota man cando non ten con que prender un lume. Un personaxe cheo de matices, faces contrapostas, descrido e contraditorio, de volta de todo, da CIA, do comunismo e até da vida. Carvalho xa é só militante da comida e das mulleres. Un personaxe co atractivo do real, ben construído, complexo, descarnado e bruto cando é preciso, perfectamente delicado cando a ocasión o require. Un verdadeiro iconoclasta capaz de queimar un Quixote para prender a cheminea. É imposíbel no lle ter respecto.

O traballo de Migoya é correcto, tamén ingrato pois o risco de adaptar obras tan coñecidas e mitificadas é alto. Preocupado pola fidelidade á novela usou nun noventa por cento textos orixinais de Montalbán, iso nalgúns momentos lastra a lectura con diálogos que se notan forzados. Nos pinceis Seguí está superlativo, cun debuxo certamente «noir» de trazo rápido -aínda que ben coidado- e un uso excelso das paletas de cores fai desta unha obra excelente, de moitísima calidade gráfica. Non só retrata con acerto e realismo a fisionomía de Barcelona e Amsterdam, senón que é quen de transmitir o ambiente, a luz destas dúas cidades. Según un vai lendo, vaise metendo cada vez máis na atmosfera de tugurio hampón e setenteiro da historia. O mallorquino é hoxe por hoxe un dos mellores debuxantes deste tipo de historias que hai no estado.

Temos que lle agradecer a este libro a recuperación dun un personaxe excelso da literatura, ben construído, humano, sen superpoderes, sen estúpidos razoamentos reducionistas e sen un uso filofascista da moral e a autoridade. Tamén a escolla do formato de álbum francés que compre recuperar e dignificar logo da invasión e do exceso da novela gráfica e a grampa e a recuperación de algo do bo gusto e do «savoir faire» europeo fronte ao abuso globalizador norteamericano.

Carvalho é un deses personaxes polo que calquera con aspiracións de creador vendería a súa alma. Ao diaño xa lle sobran almas e ofrecidos mais temos a sorte de que este personaxe xa existe e Migoya e Seguí xa traballan na seguinte entrega.